Jornadas Capacitación O.R. Cofradías
Ames (A Coruña), 23 de setembro de 2017
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentou esta mañá a xornada “Formación en xestión asociativa responsable das confrarías de pescadores da provincia da Coruña”, que se celebrou na sede da Federación Galega de Confrarías. Alí fixo unha chamada ao traballo colaborativo co sector e destacou a importancia de darlle máis protagonismo, co obxectivo de que a cogobernanza sexa unha realidade no día a día da práctica marítimo pesqueira galega.
Neste sentido, sinalou que a Xunta, no seu afán por manter contacto intenso e periódico co sector do mar, “ten o compromiso de reforzar o papel das confrarías e das federacións de pescadores de cara a avanzar na coxestión como representantes directos dos profesionais do mar”.
Así, explicou, para acadar a coxestión é preciso “afondar na dotación de capacidades de interlocución, comunicación e representación”, a través da adquisición de novos coñecementos, directrices e de compartir experiencias entre o propio sector. De aí a importancia de realizar xornadas de formación como a que hoxe se celebra e na que o sector participou “con entusiasmo de mellora e aproveitando as oportunidades que se brindan”.
A conselleira tamén fixo unha chamada aos profesionais que participan na xornada para que sexan exemplo das futuras xeracións do mar e que aseguren o relevo xeracional que contribúa á fixación da poboación e ao desenvolvemento económico costeiro. Ademais, trasladou que a profesionalización, a capacitación e a formación son vías que permiten dar continuidade á nosa pesca.
As xornadas
Estas xornadas formativas están organizadas pola Federación provincial de pescadores da Coruña, no marco de dous convenios de colaboración que asinou este ano coa Consellería do Mar. Así, a Xunta puxo a disposición deste colectivo máis de 100.000 euros para financiar gastos das actividades que desenvolva e para mellorar a súa competitividade. As xornadas desenvolveranse durante tres días e a de hoxe é a primeira delas.
Entre os obxectivos que perseguen está mellorar o seu desenvolvemento e traballo diario, compartir experiencias entre os propios asociados e crear un espazo onde os dirixentes poidan expoñer as súas propostas de cambio, ao tempo que desenvolven habilidades de comunicación.
Imaxes relacionadas